SEGUNDA FASE DA REDE DE SANEAMENTO EN SANTA CRUZ E SAN MAMEDE

 

O Concello de Vedra, a través da Xunta de Galicia, estende a súa rede do saneamento nas parroquias de Santa Cruz de Ribadulla e San Mamede.

Con este motivo Vedra recibeu a visita da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, na que explicou que a nova rede terá unha lonxitude superior aos 3 km de tubaxe. Precisou que tamén se procederá a un redimensionamento da EDAR existente, ampliando a súa capacidade ata os 500 habitantes equivalentes e deixándoa preparada para futuras incorporacións doutros núcleos.

Estas actuacións dan continuidade a unha 1ª fase de mellora do saneamento e depuración nestas parroquias que a Xunta levou a cabo no ano 2015, cun orzamento de 436.000 euros que permitiu construír unha nova depuradora, dotar de saneamento a dous núcleos de San Mamede e executar as instalacións para a futura conexión doutros núcleos.