O obxectivo desta ampla e diversa programación é loitar contra a violencia de xénero.
A través deste conxunto de actividades, trataremos de sensibilizar á sociedade para acabar coa secuela da violencia de xénero. Encadradas nas Xornada pola igualdade e contra as violencias machistas sobre violencia de xénero do mes de novembro do 2025 desenvolveranse as seguintes actuacións:
- CAMPAÑA PUNTO LILA NA MIÑA XANELA Di non á violencia machista e coloca o teu punto lila na túa xanela! Poderalo solicitar no Concello, centros educativos, centro de saúde, Ludoteca...dende o 13 de novembro ata final de mes.
Trátase de visibilizar que dende o noso concello, as nosas casa, os nosos centros de traballo, empresas, reivindicámonos en contra da violencia de xénero e logo...envíanos a foto da túa xanela!! ao correo carmen.sabio@concellodevedra.gal A foto da xanela con máis visibilidade e orixinal leva premio!!
Pamela é unha moza que vén de sufrir violencia machista.
Pamela expón como foi entrando, nese círculo, e cuestiona como en España todo segue a ser desigual para homes e mulleres.
Pamela recibiu moitos GOLPES, pero o máis grande foi verse a si mesma mudada noutra persoa, por iso quere compartir as súas experiencias vitais, para que ningunha outra muller pase por onde foi golpeada.
GOLPES é a vida de Pamela, unha rapaza que nos conta a súa vida, os seus soños, como era romántica, que aprendeu dunha relación que non debeu vivir. Tratando e previndo a desigualdade dende onde nacen as relacións (a adolescencia)
GOLPES é un espectáculo directo, próximo, que xoga co impacto directo da posta en escena, sen trucos dramatúrxicos ou de escenografía. Apoiada só no “savoir faire” da actriz, quen incorpora múltiples personaxes diante dos nosos ollos.
Aberta ao público xeral, O VENRES 14 DE NOVEMBRO na Casa da Cultura de Sta. Cruz de Ribadulla ás 20:00 horas
ATRAVESEMOS A PORTA VIOLETA:
Instalaremos unha porta violeta a xeito de photocall para que as persoas que queiran atravesala violencia participen. Estará instalada na semana do 17 de novembro ao 24 de novembro no CPI de Vedra e no Concello o propio día 25N.
PROPOSTA FORMATIVA : OBRADOIRO “AS TOLAS QUE NON O ERAN”
- Duración: 2 horas
- Dinámica: práctica, traballando con correspondencia e expedientes reais do Manicomio de Conxo.
- Contidos:
- Introdución: a psiquiatría como ferramenta de control feminino dende o século XIX.
- Creando un perfil das mulleres internas en Conxo, o gran psiquiátrico galego ata mediados do século XX: que características tiñan en común?
- Tolas ou rebeldes? Analizando os elementos de "rebeldía" presentes nos seus expedientes.
- A correspondencia como xeito de achegarnos á memoria destas mulleres máis aló da medicina convencional.
- Paralelismos entre a perspectiva da saúde mental nas mulleres no século pasado e a actualidade.
DÍA 18 DE NOVEMBRO NO CENTRO SOCIOCULTURAL DE VEDRA.
Imprescindible inscribirse con anterioridade a través do correo: carmen.sabio@concellodevedra.gal
O LIBRO VIOLETA DO 25N DO CONCELLO DE VEDRA
INSTALACIÓN DUN PUNTO VIOLETA “A TÚA IGUALDADE TEN PREMIO, ROMPE O CICLO DA VIOLENCIA”
Será un punto de atención cidadá co obxectivo de sensibilizar e informar á cidadanía dos recursos e servizos dispoñibles contra a violencia de xénero, e construír o noso libro en contra da violencia de xénero. Na caseta estará o libro violeta do 25N do Concello de Vedra e se participas... levas premio!! Estará instalado no Concello durante o día 25 de 10.00a 15.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas. Todas aquelas persoas que participen levarán un agasallo!!
|
TELÉFONOS E SERVIZOS A DISPOSICIÓN DAS MULLERES EN VEDRA: |
** O TELÉFONO DOS SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS DO CONCELLO DE VEDRA:
• 981 814 693 de luns a venres de 8.00 a 15.00 horas
** O CIM (CENTRO DE INFORMACIÓN Á MULLER)
• Atención Xurídica os venres de 8.00 a 15.00 h.
• Atención psicolóxica os martes de 10.00 a 13.00 h.
Infórmate tamén no teléfono 981 814 693
|
OUTROS TELÉFONOS DE INTERESE A DISPOSICIÓN DAS MULLERES: |
** TELÉFONO 016 - 016 online
O Ministerio de Igualdade, por medio da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, presta o servizo telefónico de información, de asesoramento xurídico e de atención psicosocial inmediata por persoal especializado a todas as formas de violencia contra as mulleres, a través do número telefónico de marcación abreviada 016; por WhatsApp no número 600 000 016 e por correo electrónico ao servizo 016 online: 016-online@igualdad.gob.es.
** O TELÉFONO DA MULLER: 900 400 273
É un servizo gratuíto e anónimo que funciona as 24 horas do día, desde calquera teléfono fixo ou móbil, e con cobertura para toda a Comunidade Autónoma. Responde nel un equipo multidisciplinar coordinado con diferentes profesionais de toda Galicia.