Economía, Emprego e Industria salienta que a aposta de Vedra por unha “economía verde” está a xerar aforros anuais de 10.500 euros

Vedra (A Coruña), 16 de decembro de 2015.- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou hoxe o concello de Vedra, onde mantivo un encontro de traballo co alcalde Carlos Martínez no que avaliaron as actuacións de aforro e eficiencia enerxética realizadas na localidade. Neste sentido, Bernardo Tahoces subliñou a aposta do municipio por unha “economía verde” que repercute na mellora da calidade de vida dos cidadáns, xerando aforros económicos de 10.500 euros anuais.

Tal e como subliñou o director xeral, a cooperación entre administracións ten permitido poñer en marcha proxectos que benefician de forma directa aos vedrenses. Así, a Casa do Concello dispón dunha nova caldeira de biomasa que suma unha potencia de 64 kW. Un equipo que permite diminuír o gasto en combustible do municipio en 2.500 euros anuais, ademais de evitar a emisión á atmosfera de máis de 19 toneladas de CO2.

Este tipo de actuacións, lembrou Bernardo Tahoces, enmárcanse na Estratexia Integral de Impulso da Biomasa que está a impulsar a Xunta, “unha enerxía na que Galicia ten unha vantaxe competitiva moi clara”. Esta Estratexia ten entre os seus obxectivos configurar unha industria xeradora de riqueza e emprego no rural poñendo en valor o monte galego, subliñou o director xeral, polo que “ten un gran calado en concellos como o de Vedra”.

Neste marco, Bernardo Tahoces lembrou que o traballo conxunto levado a cabo no municipio coruñés ten permitido tamén impulsar actuacións de aforro e eficiencia enerxética en iluminación pública.