O Día Internacional da Muller, o 8 marzo, é unha data que se celebra en todo o mundo.
Un día no que as mulleres de todos os continentes, a miúdo separadas por fronteiras nacionais e diferenzas étnicas, lingüísticas, culturais, económicas e políticas, se unen para gritar en prol da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento.
Neste sentido, desde a Concellaría de Igualdade trabállase por lograr a igualdade e a emancipación das mulleres no concello, unha igualdade que sexa efectiva e real. Un traballo que se desenvolve ao longo de todo o ano.
Cada ano realízanse diversos actos de sensibilización ao redor do Día Internacional da Muller, 8 de marzo, sobre a desigualdade que sofren as mulleres.
Algunhas das actividades que se realizarán no mes de marzo:
- O DÍA 8 PARAMOS!!
Se as mulleres paramos, párase o mundo!
Partindo da conciencia de que as mulleres sostemos a vida, os coidados, o traballo moitas veces invisible e non valorado, animamos ás mulleres do Concello de Vedra a que o día 8 fagades un parón de cinco minutos ás 11.00h como xesto reivindicativo para facer visible a importancia das tarefas das que nos ocupamos na vida cotiá.
- RECOÑECEMENTO... VEDRA É MULLER!
Todos os anos o Concello de Vedra a través do departamento de Igualdade outorga o recoñecemento a unha muller do Concello para facer visible e pór en valor a súa contribución pola igualdade no noso Concello. “Vedra é Muller” este ano recae na nosa veciña IRIA DE ASLA ESTEVA , polo seu papel fundamental para impulsar a participación social dende a igualdade e primeira presidenta da Asociación “BERENGUELA POLA IGUALDADE”.
DATA: MARTES 8 DE MARZO
LUGAR: O SALÓN DE PLENOS MUNICIPAL
HORARIO: ÁS 17.30 HORAS.
... Para rematar este acto a lectura do manifesto da Fegamp
- ASOCIADAS: un coloquio das mulleres vedresas para coñecer o seu labor no tecido asociativo local.
Consiste na organización dun coloquio no que participarán seis mulleres que desenvolven o seu labor dentro das xuntas directivas de asociacións vedresas con diferentes tipoloxías: deportivas, culturais, ANPAS, asociacións de veciños e comisións de festas. O obxectivo é dar visibilidade e coñecer o labor das mulleres no eido asociativo sendo elas as que falen das dificultades ás que se enfrontan, dos obxectivos que as motivan a continuar no mundo asociativo e dos beneficios que lles aporta pertencer a unha asociación.
Busca ser un lugar de encontro onde as participantes compartan a súa realidade e as súas experiencias a través dun diálogo aberto para coñecer de primeira man a función das mulleres na transformación do territorio e na dinamización social a través do asociacionismo; cuestión que moitas veces non se contempla no papel pero que é unha realidade na práctica.
DATA: O venres 11 de marzo
LUGAR: No Centro de Emprendemento A Estación situado en Santa Cruz de Ribadulla.
HORA: Ás 20:30 horas
Participación aberta a todas as persoas interesadas.
Inscrición previa no Departamento de Cultura do Concello de Vedra en cultura@concellodevedra.com ou no teléfono 981 814 691.
Palestra de mulleres nas asociacións: distintas mulleres que formaron ou forman parte do noso asociacionismo que poñen en valor a súa actuación no ámbito do asociacionismo; as dificultades que tiveron e que teñen, a súa capacidade para desenvolverse no asociacionismo ….etc.
- MURAL COLECTIVO POLA IGUALDADE : “Coidáronnos, coidamos, cóidannos” ... NA EIM E NA LUDOTECA MUNICIPAL
Traballarase coa poboación infantil en 3 sesións para a realización dun mural colectivo sobre as mulleres que sosteñen a vida, sobre todo neste tempo de pandemia, todas aquelas mulleres que dende distintas posicións traballan para facilitarnos contornas máis igualitarias, inclusivas e sostibles. As nosas avoas, compañeiras, parellas, veciñas, fillas… mulleres de Vedra que todos os días amósannos o camiño para seguir avanzando en igualdade.
- SEGURIDADE VIOLETA
Este é un proxecto que pretende achegarnos á realidade dos mozos e mozas e detectar relacións non igualitarias de cara previr violencias machistas. Dirixido á mocidade desenvolverase en colaboración co CPI de Vedra, xa que é unha actividade dirixida ao alumnado de secundaria de 2º e 3º da ESO para traballar a detección machismos non visibles e a prevención da violencia de xénero a través de condutas con conciencia e perspectiva feminista. Levarase acabo a través de 3 sesións.
-ACCIÓN CONXUNTA COS CONCELLOS DE TOURO E BOQUEIXÓN.
O Concello de Vedra xunto cos concellos veciños de Touro e Boqueixón vén desenvolvendo distintas actividades conxuntamente, nesta ocasión o “I ENCONTRO DE MULLERES MAIORES NO CAMIÑO DA IGUALDADE”
Organizamos este I encontro de mulleres, co fin de compartir experiencias, e propiciar novos proxectos. Con este fin establecerase un foro –debate arredor da análise das necesidades das mulleres no rural, liñas de traballo a nivel asociativo e facer visible o importante papel das mulleres nos concellos rurais coma o noso. Participarán mulleres maiores de Vedra, Touro e Boqueixón.
Este I Encontro realizarase o día 11 de marzo ás 11 da mañá no centro social de Touro, os seguintes anos desenvolverase no noso concello e no de Boqueixón.
TALLER “MULLERES + 2022” Programa da promoción do empoderamento persoal e autocoidado para mulleres no concello de Vedra.
Cando nos achegamos ao mundo das TIC e a da inserción no mercado laboral nun concello rural como o noso, a perspectiva de xénero permite darnos conta que a situación e posición das mulleres e dos homes non é a mesma. Unha correcta análise de xénero fainos decatar das evidentes brechas de xénero tanto para o acceso ao mercado laboral coma na xestión de actividades na vida cotiá en canto ao referente ao emprego das TIC.
O tipo de capacitación que propón Mulleres+ vai encamiñada a achegar ás mulleres ao universo das novas tecnoloxías e ao descubrimento das súas posibilidades, o que reduce o medo e a desconfianza que estes instrumentos aínda xeran. Para iso é necesario realizar un esforzo formativo que mostre o lado máis amable e máis útil das novas tecnoloxías, tratando de reducir a imaxe de elementos complexos e destinados a un público moi específico, e normalmente masculino, en favor dunha concepción práctica das mesmas que permita avanzar no apoderamento das mulleres.
Coñecementos básicos no uso das TIC.
As participantes adquirirán coñecementos básicos e habilidades metodolóxicas no uso do computador e os seus compoñentes básicos, o uso dalgunhas aplicacións móbiles e as principais utilidades da internet.
Coñecementos teóricos e habilidades metodolóxicas para promover a inclusión dixital.
- Apoderamento e autonomía das mulleres a través de ferramentas TIC de comunicación (correo electrónico, skype, whatsapp, etc.) e de participación nas redes sociais (facebook, twitter, instagram, pinterest, etc.).
- Procura de información en liña (buscadores, xornais, radio e televisión, blogues).
- E-xestión da vida cotiá (saúde, lecer e cultura, xestións locais, compras, banca electrónica), participación en organizacións de mulleres, recursos locais, etc.
- Mellorar a posición de mulleres no acceso ao mercado laboral e ao sector tecnolóxico e dixital, mediante unha capacitación en TIC.
- Ofrecer asesoramento e acompañamento personalizado ás participantes para que poidan expor e acadar obxectivos persoais (formativos, laborais…)
O taller desenvolverase en distintos horarios para facilita-la participación a través de actividades en grupo e individuais de coaching.
O departamento de igualdade do Concello quere pór en marcha unha nova acción formativa. Nesta ocasión, trátase do Programa Mulleres+, que dará comezo en marzo de 2022.
Estas accións formativas están para iso, para que as mulleres vaian adquirindo coñecementos e ferramentas e que van destinadas ao coñecemento e adquisición de novas capacidades da informática, de idiomas ou doutras ferramentas que lles permitan, entre outros aspectos, poder acceder ao mercado laboral.
Para poder facer fronte á fenda dixital de xénero o departamento de igualdade organiza este taller formativo
O prazo de inscrición estará aberto dende o 1 de febreiro ate o 28 do mesmo mes. O CURSO É GRATUITO)
A folla de inscrición estará dispoñible no concello e na páxina web municipal.
Máis información nos teléfonos 699 041 486 ou 981 814 693 de 9:00 a 14.00 horas.