Saíndo de Compostela pola N-525 en dirección a Ourense, encontraremos no Eixo, un empalme cun indicador á dereita que sinala San Xián 4 Km.
É a maneira de achegarse á igrexa de Sales, un conxunto configurado polo templo, un cruceiro e un notable hórreo situado á esquerda, dentro do igrexario. Os traballos de edificación do templo remóntanse a mediados do S.XVIII, con sucesivas modificacións nas dúas centurias seguintes. No altar maior pódese admirar un retábulo do XVII, coas súas columnas salomónicas, rica decoración e policromía. A igrexa acolle outros dous retábulos de estilo rococó e un crucifixo do S.XIX de traza barroca.
En dirección a Laraño arribaremos á Casa Grande de Cibrán, unha propiedade amurallada con capeliña, fonte, árbores centenarias e poboado canaval. No mesmo Laraño está a Casa do Sol, nome suxerido polo lintel do portalón, unha pedra heráldica con astros esculpidos: sol, lúa e estrelas. A casa pertence ós condes de Castelo.
As festividades máis senlleiras son o entroido, as patronais a primeira fin de semana despois do 6 de xaneiro, e o Sto. Antón en xuño.