Parroquia a parroquia: Santa Cruz de Ribadulla

San Xián de Sales Santo André de Trobe San Mamade de Ribadulla
San Fins de Sales San Pedro de Sarandón San Pedro de Vilanova
Santo André de Illobre San Miguel de Sarandón Santa Cruz de Ribadulla
Santa Eulalia de Vedra San Cristovo de Merín A Ponte Ulla

Aconséllase a visita ó Pazo de Ortigueira ou de Santa Cruz de Ribadulla, que contén, dentro da finca, a igrexa parroquial. 
Á entrada da herdade, entre carballos vedraños e camiños empedrados, está o cruceiro con dous santos esculpidos no fuste hexagonal, o Cristo e a Piedade na cruz latina. Ata el chega a procesión do Xoves Santo, cando o cruceiro se converte en estación de Vía Crucis.

O casarón en forma de “L”, que sufriu varias modificacións dende o s.XV, presenta na fachada os escudos da familia Mondragón e nas traseiras unha balconada. A historia do pazo empeza coa chegada dun membro da familia para casar cunha Abraldes. Un descendente destes, Andrés Ibáñez Mondragón, recibiu o título de Marqués de Santa Cruz de Ribadulla en 1681, de Carlos II. A igrexa, con elegante cruz cumial no teito, é de planta rectangular, cunha fermosa pía bautismal na entrada e un vestíbulo, restaurado recentemente, de Juan Bautista Celma (1576).

A fonte da Coca é de estilo barroco (S.XVII), con arco decorado alternando molduras e motivos vexetais, sobre dúas columnas. Na cima do arco destaca o gran escudo de armas e, na fonte, a coca (dragón) con corpo humano que sostén dúas cabezas debaixo dos brazos. 
Mención á parte merecen os xardíns, con máis de 200 variedades de plantas, moitas delas centenarias, estanques, abanqueiro, un curioso reloxo de sol, etc.
Á saída do Pazo encóntrase a eira de mallar, enlousada, un hórreo de nove claros, testemuño das fartas terras do val do Ulla, e a carreira das oliveiras en forma de cruz.

Pódese visitar o exterior e mesmo os xardíns.

Outros puntos de interese de Santa Cruz son as ermidas das Dores (Tomonde) e a Casa de Lema da Famelga, unha antiga fonte que pertenceu a un mosteiro que existiu en Santardao, colocada no emprazamento actual por Andrés Lobato Gorís por volta do ano 1825.

Esta freguesía conta cunha banda de música que foi fundada no 1927 por Juan Moure.

Destaca a romaría do Patio, o luns despois do terceiro domingo de setembro, a festividade da Santa Cruz o 3 de maio. E a festa das Flores o primeiro domingo de xuño.