Parroquia a parroquia: San Pedro de Vilanova

San Xián de Sales Santo André de Trobe San Mamade de Ribadulla
San Fins de Sales San Pedro de Sarandón San Pedro de Vilanova
Santo André de Illobre San Miguel de Sarandón Santa Cruz de Ribadulla
Santa Eulalia de Vedra San Cristovo de Merín A Ponte Ulla

Para seguir camiño dende o regueiro de Monreal, pasamos por Trigás, as Quenllas, Eiravedra, a Famelga, Santo do Regueiro e Subregos, ata chegarmos ó Outeiro. Neste lugar encrávase a ermida de Santiago, coa súa fonte; ambas foron trasladadas dende a Campa do Carballo ou Campa dos Romeiros no ano 1724.

A ermida é de planta rectangular e nela destaca a fachada sinxela, así como o campanario de arco de medio punto peraltado e con dúas campás: unha no van e outra adosada no exterior.

Na fonte de cantería hai unha inscrición que narra o traslado do corpo do Apóstolo Santiago, e un relevo que escenifica parte da lenda. Os apóstolos dos laterais pertenceron ó antigo coro pétreo da Catedral de Santiago, obra do mestre Mateo. Tanto a capela como a fonte datan do ano 1670.

Se nos diriximos cara ó solpor atopamos a N-525 e un xardinciño con cruceiro de 1887, pagado a escote polos fregueses conforme reza o pedestal. De esteo hexagonal e capitel corintio con follas de acanto e cabezas de anxo, mostra a cruz tallas de Cristo e a Dolorosa moi coidados e con movemento. Á outra banda da estrada álzase a igrexa parroquial. Na Casa Grande de Galegos (a casa do Cóengo) viviu o historiador, arqueólogo e novelista Antonio López Ferreiro que morreu no 1910, sendo a Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela, a súa obra máis importante.

Hai na parroquia, un conxunto de muíños de auga restaurados que mesmo se poden ver funcionando, e que forman parte da coñecida como Ruta dos Muíños.

Para seguir a Ruta da Prata, dende a ermida do Santiago, seguimos en dirección Compostela pola Devesa, As Abelleiras e a Campa do Carballo. Era este un espacio de repouso para os peregrinos e aínda hoxe se conserva o arboredo e as vizosas praderías.

O camiño continúa pola ladeira do Pico Sacro, pasando polo fondo do Coto da Cruz e chega ó cruceiro de Castrelo, xa en Lestedo (Boqueixón). Neste cruceiro orientásenos con senllas inscricións “Vereda da Ulla” (na cara norte) e “Vereda de Sarandón” (cara oeste). O vieiro lévanos por Ardariz, Cusanca, Lestedo e A Picota, de retorno á Ponte Busacos.

A Ruta da Prata intérnase no termino de Santiago tras sobrepasar A Gándara, percorrendo A Susana, Aldrei, O Sisto, Piñeiro, O Eixo, Angrois, o Cruceiro do Sar e a rúa Castrón Douro, ata penetrar no casco vello polo arco de Mazarelos, vestixio das portas da antiga cidade amurallada.

Hai na parroquia de Vilanova un Albergue para peregrinos que estean a percorre-lo Camiño de Santiago pola Ruta da Prata. (+información)

A celebración máis sonada desta parroquia é a romaría do Santiaguiño, o sábado anterior ó último domingo de agosto; tamén son dignas de mención as festas do S.Pedro en xuño, a primeira fin de semana tralo 29 dese mes.