Vedra na idade antiga

Idade antiga

Cultura castrexa

Trala cultura megalítica e a dos metais chega a época que hoxe chamamos castrexa. Coñécese a localización de seis castros no Concello de Vedra, e estímase que teñen a súa orixe na etapa final da Idade de Bronce, ó redor do 800 a. de C.. Estes castros son os seguintes: - O da aldea do Castro e parroquia de Santo André de Illobre. - O castro situado entre as parroquias de San Cristovo de Merín e San Miguel de Sarandón. - O da aldea do Castro, parroquia de Santa María Madalena da Ponte Ulla. - O de Socastro, situado na parroquia de San Mamede de Ribadulla. - O castro de Marzán de Arriba, situado na parroquia de Santa Eulalia de Vedra. - O castro de Agronovo ou Coto do Castro, na parroquia de Santa Cruz de Ribadulla.

Época romana

Da época romana datan os primeiros testemuños escritos onde hai referencias á zona de Galicia. Parece ser que antigas rutas pasaban por terras de Vedra, pero non é posible asegurar que estas sexan en tódolos casos vías romanas. En 1867 encontrouse na Gándara un miliario romano da época do emperador Calígula. Por este lugar pasaba a cuarta vía militar romana e din que sobre esta se constituíu o antigo camiño da peregrinación. Hoxe, esta vía está cortada pola estrada; pero consérvase unha ponte de dous arcos de medio punto e doutro rectangular, coñecida na actualidade como Ponte Busacos. Un dato máis sobre a presencia romana achégao un detalle dun anel encontrado en San Xián de Sales(Vedra) que polo escrito gravado pode considerarse que foi realizado entre finais do século II e finais do século III d.C.. Outra pegada que deixaron os romanos foi, evidentemente, a lingua, e coa lingua nomes de persoas (antropónimos) que puideron dar orixe a nomes de lugar (topónimos) xa na súa época ou mesmo na época medieval.