Vedra na idade moderna

Nesta época a denominada “Terra de Santiago” sofre modificacións na extensión do seu territorio constituíndose ó longo do tempo unha nova nobreza citando como exemplo o marqués de Sta. Cruz de Ribadulla ou o conde de Ximonde.

Daquela, a Universidade e o Hospital Vello de Santiago xa gardaban unha relación co Concello de Vedra : a Universidade dispoñía dunha serie de dereitos sobre bens situados en Vedra que servían para paga-los gastos derivados do seu funcionamento. Púidose saber que o Hospital tivo a propiedade do casal de Argunte, na parroquia de S. Mamede de Ribadulla.

No 1542 Carlos V pide que se faga un informe sobre o estado das rúas, fontes, murallas e camiños de Santiago. Destaca o camiño de Ourense que é o que pasaba (e pasa) por Vedra. Entre as pontes que se mencionaron están as de Sar, a de Ponte Pedriña e a de Busacos (en S. Fins de Sales).

Non se chegou a saber se finalmente se chegaron a facer ditas reparacións.

No 1571 un gran temporal de neve e chuvias acaban destruíndo o mosteiro de S. Xoán da Cova e deixa desfeitas as pontes da Ulla e de Sarandón.

A ponte da Ulla foi reparada totalmente no ano 1612 e a ponte de Sarandón non se sabe se foi reparada porque no 1708 houbo outra enchenta que derrubou de novo as pontes.

No 1709 en vez de arranxa-las pontes sustituíronse por barcas para cruza-lo río e a xestión destas era arrendada por períodos de 4 e 6 anos. Polo Ulla e Sarandón pasaban mercadorías de Ourense e de O Ribeiro para Santiago, A Coruña e Ferrol.

No 1737 concédese permiso para reedificar as dúas pontes pero sen embargo hai datos que indican que no 1926 aínda existían as “barcas do Ulla e de Sarandón”. A ponte da Ulla, hoxe a ponte vella, rematouse no ano 1835 logo de longos traballos; e a de Sarandón, existente hoxe en día, comezouse a construír no 1924, para rematarse 2 anos despois.

As parroquias de Vedra no comezo do S. XVII xa eran as 12 que existen hoxe e daquela pertencían ó Arcebispado de Santiago. Neste século a comarca vive unha autentica revolución na alimentación e a agricultura coa chegada do millo, con consecuencias tamén na demografía. Instálanse no Val do Ulla familias nobres e burguesas de Santiago que xa no S. XVI adquiriran masivamente propiedades e dereitos sobre as terras.

O réxime de propiedade é o foro, e unha familia podía traballar leiras aforadas a unha institución ou a un nobre (un 99% dos veciños pagábanlle foros ó marqués de Sta. Cruz). Estas rendas eran en especies, por ex. centeo, trigo ou millo miúdo.

Vedra é unha das zonas onde máis pazos se ergueron polo seu bo clima e pola proximidade a Santiago. Un dos máis coñecidos, e onde se manifesta a máis variada e poderosa vexetación, é o de Sta. Cruz de Ribadulla. Antigamente chamábaselle Torre de Ortigueira e foi construído polos Abraldes que emparentaron con Mondragón. O título de Marqués de Sta. Cruz foi outorgado no ano 1683 por Carlos II. O pazo ten unha traza austera e está unido á capela por un arco. Fóra destaca a fonte da Coca, barroca e coroada por un escudo coa vieira de Santiago. Está rodeado dun parque deseñado por Juan Ibáñez de Mondragón e que se acrecentou en tempos de Juan Ignacio Armada; nun recanto do xardín destaca a fonte da Nogueira.

Pedro de Valdés Feijoo y Noboa foi quen mandou construír en 1670 a Fonte do Santiaguiño e a Capela en 1676, situadas a unha marxe do Camiño Real de Ourense a Santiago, o que seguían os peregrinos e que parece puido trazarse seguindo unha vía romana. De aí o seu nome, Ruta da Prata ( tamén chamada Camiño Mozárabe ou Camiño do Sueste). O percorrido principal (hai variantes) en terras de Vedra comeza en Ponte Ulla, entra en S. Pedro de Vilanova pasando pola capela e a fonte, vai pola beira do Pico Sacro e segue por Lestedo (Boqueixón). Logo continúa un anaco por S. Fins de Sales (en Vedra) ata a Gándara e dende aquí entra xa no Concello de Santiago. Hai algúns tramos alternativos que se recollen no volume “Cartografía histórica de los caminos de Santiago en la Provincia de A Coruña”.