Idade Contemporánea
A Guerra da Independencia
A chamada Guerra da Independencia é seguramente o acontecemento de maior importancia en Vedra no primeiro cuarto do século XIX.
Descoñecemos como e cando chegaron as tropas francesas por primeira vez ó Val do Ulla (é de supoñer que a principios de 1809), e tampouco sabemos se éstas foron combatidas desde o comezo, ou pola contra a violencia comezou despois, cousa máis probable, debido á confiscación de colleitas e á maior presión fiscal.
Polo que se pode saber, nesta época asentáronse en Santa Cruz de Ribadulla dous franceses, probablemente membros das tropas napoleónicas, que formaron outras tantas familias nesta parroquia de Vedra.
En xuño de 1808 constitúese o Batallón Literario, formado por estudantes da Universidade de Santiago e dirixido polo Marques de Santa Cruz de Ribadulla, Juan Ignacio Armada.
O Batallón Literario tiña como obxectivo a defensa da relixión, da patria e do rei e disólvese no ano 1809, tras participaren os seus membros nunha serie de accións baixo as ordes do xeneral inglés Blake.
O Carlismo
O Pazo de Ximonde, en San Miguel de Sarandón parece que xogou un importante papel no Carlismo.
O conde de Ximonde, Pedro de Cisneros, puxo a disposición da causa carlista os seus pazos e casas e colaboraba transportando armas para as faccións. No Pazo de Ximonde elaborouse pólvora que empregaban os facciosos; e o pintor Cayetano Jordán, estivo no pazo para pinta-lo escudo carlista, unha bandeira e outros obxectos.