Parroquia a parroquia: A Ponte Ulla

San Xián de Sales Santo André de Trobe San Mamade de Ribadulla
San Fins de Sales San Pedro de Sarandón San Pedro de Vilanova
Santo André de Illobre San Miguel de Sarandón Santa Cruz de Ribadulla
Santa Eulalia de Vedra San Cristovo de Merín A Ponte Ulla

Nalgún tempo chamóuselle Vila de Ponte Ulla, pois tén estructura vilega medieval, coa súa praza interior, as rúas e rueiros. Honran o seu nome as tres pontes: a vella, obra do arquitecto compostelán Tomás del Río, construída na segunda metade do S.XVIII; a do camiño de ferro, no paso da Cova, construída a mediados deste século; e a da estrada Santiago-Ourense, que se tendeu nos anos 70.

A igrexa conserva elementos románicos, como o ábside semicircular ou os canzorros do exterior. No lateral sur está a capela con bóveda estrelada de cinco claves, probablemente do S.XVI. Foi fundada ou reedificada por Odario, bispo de Lugo no S.VIII. Consérvase unha cruz de principios do S.XVI, de prata dourada e acibeche, que pertenceu ó mosteiro de S.Xoán da Cova. Este mosteiro estaba ó pé do que hoxe é a ponte do camiño de ferro, no paso estreito do río chamado da Cova. Existen uns frescos que representan a Anunciación, no arco central que datan do S.XVI.

Paga a pena contemplar a traza do Pazo de Vista Alegre, tamén chamado de Pardiñas ou de Gasset, edificio dezaoitesco de planta rectangular con corredor saínte na fachada principal, solaina sobre columnas no nacente e vistosa cheminea cilíndrica orientada ó norte.

Se atravesamos a ponte vella, acharemos unha pista á man esquerda que nos levará á ermida do Gundián. Emprázase nun incomparable marco poboado de árbores e con dúas fontes. Dende o mirador divísase a ponte do camiño de ferro, á que podemos achegarnos pasando por un camiño flanqueado de sombrizos carballos. A ponte elevada 90 m posibilita amplas vistas. Albíscase dende este punto o transcorrer do río polo estreito da Cova, o Castro, as altas paredes da serra do Pico Sacro, as terras estradenses e de Boqueixón e o ceo multicolor no ocaso, entre lusco e fusco.

A ermida do Gundián foi construída no S.XVIII. O máis destacable desta capela é a fachada con pórtico sostido por catro columnas de pedra, as grandes fiestras enreixadas, unha a cada lado da porta e os tres vans con arco.

De volta ó centro urbano de Ponte Ulla, no empalme da estrada Pontevea-Boimorto, destaca unha fonte de cantería, á que se accede baixando unhas escaleiras, coa parede organizada en tres lenzos e catro pilastras, e remate en frontón. 
A uns 50m, atopamos pola dereita a Vía ou Ruta da Prata que pasa á beira do cruceiro chamado da Madanela, no que se representa un Cristo e a Virxe das Angustias. 
Sen abandonar a ruta, arribamos a unha casa con portalón e esculturas da cima do lintel. Na esquinal tén incrustado un capitel románico do S.XII, se cadra procedente do mosteiro da Cova, no que aparece representado o milagre de S.Nicolás.
Na propia calzada sáenos ó encontro outra casa do S.XVIII, con chamativa galería e arcos de medio punto apoiados en pilastras. Nas traseiras hai unha ponte con balaústres de madeira, que comunica a casa coa herdade. 
A vía condúcenos á estrema de Ponte Ulla con Santa Cruz, polo regueiro Monreal.

Os visitantes teñen unha importante cita o 7 de setembro para desfrutar dos fogos nocturnos no río Ulla e da procesión. O día seguinte é a romaría da Virxe do Gundián; o 22 e 23 de xullo son as festas da Madanela.